HISTORIA DO CENTRO. 

      

   

       O Colexio Santiago Apóstol de Ponteareas comezou a súa andaina educativa alá polo ano 1945; momentos nos que nesta pequena vila non existía ningún Centro que se ocupase do Ensino Secundario.  

       Por iniciativa privada, en locales sinxelos, comezou unha oferta aberta aos alumnos/as do antigo Bacharelato, Estudos de Comercio (actualmente coñecidos por Empresariais) e Estudos de Maxisterio. Todos eles en réxime académico e, por conseguinte, pendentes de seren recoñecidos oficialmente mediante as correspondentes probas ás que eran sometidos nos Centros estatais. 

       Eran tempos difíciles dado que o traballo de todo un ano dependía da sorte duns intres, que ademais, estaban condicionados aos nervos propios da responsabilidade. 

       Así foron transcorrendo uns anos, ata que a Titularidade do Centro  considerou necesario acada-lo recoñecemento oficial dos estudos que se impartían e, deste xeito, ter autonomía propia. Proxecto conseguido no ano 1970 e, a partires do cal, Ponteareas  podía gabarse de dispor dun Centro coa clasificación de Recoñecido Elemental, condición esta que lle facultaba para  poder imparti-los catro primeiros cursos do antigo  Bacharelato de forma oficial sen te-la necesidade de revalida-los seus estudos con probas en Centros Oficiais. 

       Os promotores desta empresa, sempre polo ben dos seus alumnos/as, non se sentían satisfeitos dos logros obtidos ata entón, xa que, o problema dos estudos, seguía aínda sen resolverse na súa totalidade. Fixeron as xestións e adaptacións precisas para que o Recoñecemento englobase aos estudos Elemental e Superior. 

        Este logro foi publicado no BOE do 25 de setembro de 1972, co cal, os alumnos/as de Ponteareas, dispoñían dun Centro Educativo que lles facultaba para obte-lo Título de Bachiller Superior sen necesidade de térense que desprazar a zonas distantes da súa residencia.